OLIMPIADAS DO CAMPO; bases e inscripición

AQUÍ VOS QUEDAN AS BASES DE PARTICIPACIÓN NAS III OLIMPIADAS DO CAMPO,que terán lugar o sábado 27 de abril na Festa da Sementeira.
  As inscricións están abertas nas seguintes modalidades:


  -Lanzamento de Boina:

   O lanzamento de boina debe realizarse desde detrás da marca posta pola organización, (sen pisala), en posición estática e sen levantar ningún dos pés do chan. Non está permitido facer unha bola coa boina. Para que o lanzamento sexa válido, terá que caer dentro do espazo delimitado polas marxes laterais. Haberá unha ronda de clasificación, pasando á final os que superen a marca establecida pola organización. Gañará o que lance a boina máis lonxe cun lanzamento válido. O número de lanzamentos 1 por participante.


-Lanzamento de Sacho:

  O lanzamento do sacho debe realizarse por detrás da marca posta pola organización, en posición semi-estática (sen tomar carreira e sempre cun dos dous pés sobre o chan) e sen pisar a raia. Para que o lanzamento sexa válido terá que caer dentro do espazo delimitado polas marxes laterais. Haberá unha quenda de clasificación na que se debe superar a marca establecida pola organización. Na fase final serán medidos os lanzamentos, gañando aquel/a que máis lonxitude alcance. Tomaránse as medidas de lonxitude dos lanzamentos a partir da posición do ferro do sacho, independentemente da posición que presente o mango. O número de lanzamentos será de 1 por participante.


  -Carreira de carretillas(por parellas):

  Realizarase por parellas,un irá dentro da carretilla e o outro a empuxará, na metade do percorrido establecido pola organización, os participantes deberán intercambiarse os postos (o que ía dentro da carretilla, na segunda parte do percorrido empuxará pola carretilla, levando él agora ó seu compañeiro). Gañará, a parella que faga o percorrido total en menos tempo.


- Debullar o millo:

  Os participantes deberán debullar a maior cantidade de millo no tempo estipulado pola organización. Acabado o tempo, será pesado o millo debullado polos participantes, gañando o que mais peso acade.


- Cabaleiros das cuncas:

  Carreira por parellas, na que un irá ás carranchapernas do compañeiro transportando unha cunca chea de viño. O obxectivo será trafegar o viño contido nun recipiente situado na zona de saída, ata outro recipiente situado na zona de chegada. Os participantes deberán ir dacabalo cando transporten as cuncas cheas, unha vez baleiradas poden volver correndo. Tamén será obrigatorio encher as cuncas antes de subir ao cabalo. A parella que consiga encher antes o seu recipiente gañará a proba.


- Tiro da corda:

  Equipos de 5 persoas, cada equipo turra para o seu lado, tratando de meter o pano atado no medio da corda na súa zona e conseguindo así a vitoria.

Modalidades para nenos:

 - Debullar o millo
- Lanzamento de boina
- Cabaleiros das cuncas.


   Para participar, mandar un email a: colectivomalaherba@gmail.com ; Indicando: o voso nome e/ou alcume nas probas individuais e por parellas e un telefono de contacto. Nas proba de equipo deberedes dar o nome do equipo e se sodes dalgun colectivo reseñalo tamén. Deberedes comunicar en que probas queredes participar. POñede de onde sodes, e se sodes dalgún colectivo reseñalo, tamén. E lembrade que as prazas son limitadas.
 Saúdos e sorte!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario